quarta-feira, maio 18, 2005

Biblioteca Virtual Galega e Vieiros

Ola! Tendo en conta que algún día hai que comezar e que hoxe, así un pouco antes de rematar a miña xornada laboral, é tan bo momento como calquer outro, aí van os primeiros comentarios sobre páxinas dedicadas á poesía galega contemporánea. O obxectivo principal será o de comentar certas páxinas "persoais" de autores/as, páxinas dedicadas á crítica literaria, páxinas que recollan textos e ofrezan posibilidade de publicación on-line... e o que vaia xurdindo polo camiño.

Hoxe comezaremos tan só con dúas referencias básicas para iniciarse nas procuras literarias a través de internet. O primeiro (e sempre mirando un pouco pola casa) é a Biblioteca Virtual Galega onde tod@s teñen a posibilidade de atopar noticias actualizadas sobre o mundo da cultura e das letras galegas (certames, convocatorias, presentacións de libros, publicacións...). Hai tamén referencias ás biografías e producións literarias de divers@s autor@s tanto clásicos como actuais (incluíndo fragmentos dos seus textos ou textos íntegros), esta sección irá crecendo pouco a pouco e chegará a ser unha referencia indispensábel, a día de hoxe hai xa textos moi interesantes. A páxina tamén ten outro tipo de recursos de video, audio, lingua... e para rematar o mellor da páxina está na sección de nov@s , onde se ofrece aos nov@s creadores a pobibilidade de colocar as súas creacións de poesía, ensaio, narración, literatura infantil... e deixar que outros visitantes da páxina as lean e a xulguen...quen se anima?

A segunda páxina que quería comentarlles hoxe é a de vieiros, supoño que máis que coñecida por moit@s mais un pouco de publicidade adicional nunca vén mal. O primeiro que hai que sinalar desta páxina é a súa funcionalidade como portal informativo en galego. Entre tanto consultar páxinas literarias non está mal ter tamén a oportunidade de botarlle un ollo ás principais noticias de actualidade e sempre desde unha perspectiva galega. Polo que ao tema da literatura se refire o máis interesante que inclúe o portal é unha sección, o cartafol de libros, en que se recollen reseñas de obras recentemente publicadas en galego en calquera xénero, os comentarios non deixan de ser interesantes mais moita máis curiosidade (quizais non sempre positiva neste caso) despertan outras dúas seccións, que podemos calificar de "intimamente relacionadas". Trátase, en primeiro lugar, da sección de opinión na que diferentes colaborador@s (habituais ou non) publican as súas reflexións sobre distintos temas: música, cultura, actualidade, obras recentemente publicadas, crítica literaria...É unha sección interesante, algunhas das colaboracións están moi preparadas mais, como en todos estes casos, outras só parecen o mal soño de turno d@ element@ comentador.
A polémica que xeran, en ocasións, as opinións aquí publicadas aparece recollida na outra sección a comentarmos: a do foro. Como en case todos os foros hai un pouco de todo, xente que o toma máis en serio e xente que menos, xente con ganas de debater sobre diversas cuestións do mundillo literario e xente que só pasa por alí a perder o tempo; recomendo un vistazo porque podemos atoparnos con posts moi interesantes como "afundida" sobre as críticas feitas á Veu visitarme o mar, a última obra de Rosa Aneiros, "Xose Carlos Caneiro expulsado de Casa Skylab" sobre.... buff, case mellor que lle boten un vistazo, é complicado como a vida mesma mais post@s a polemizar... e, finalmente, o que máis nos interesa no tema elexido para este blogo, o da poesía actual galega, que é o post titulado "poetas novos" no que tod@ @ que quere vai comentando e recomendando obras e autor@s divers@s, estupendo para indagar sobre o que a xente anda a ler por aí, especialmente fora de circuitos comerciais convencionais.
Para rematar este comentario, sinalar a xentileza dos xestores do portal ao incluír unha ligazón directa a todas as páxinas relacionadas co mundo da literatura que aparecen no seu buscador, aparecen editoriais, librarías, premios literarios, bibliotecas, páxinas de autores...un bo recurso para ter a man.

Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.