segunda-feira, junho 06, 2005

Algunhas páxinas de poetas

Non contamos na Galiza con moitas páxinas persoais de poetas, concebidas como parte dun proxecto global para dar a coñecer as súas obras polo mundo adiante e, desde logo, entre as páxinas que hai poucas teñen unha calidade "profesional" por así dicilo, na grande maioría dos casos trátase de iniciativas persoais d@s autor@s, xestionadas por el@s mesm@s ( o que provoca en grande medida que sexan páxinas que non teñan unha actualización frecuente) con características técnicas relativamente limitadas.
A páxina máis salientábel pola sua esmerada confección é tamén a máis coñecida, trátase da de Yolanda Castaño, realizada sobre unha porcentaxe importante de fotografías da autora como base principal e cun menú mobil situado na parte inferior desde o que se pode accerder a contidos como os seus datos biográficos, a súa obra (onde se inclúe un apartado para cada poemario con varios poemas, por certo aparece "Beber leite" dentro Elevar as palpebras, poema que ten causado máis dun comentario entre o meu grupo máis directo e amig@s), o apartado de creación é unha amálgama de millóns de cousas, entre unha composición fotográfica do máis escura, aparece unha autopoética, un apartado con traducións dos seus textos ao inglés, francés, catalán, español, alemán e árabe, unha galería de imaxes que se poden descargar e até un vídeo. Na sección de crítica aparece os artigos de Nana Coromoto e Teresa Seara, as dúas sobre O libro da Egoista, por último o contacto (onde aparecen os correos de tod@s @s que colaboran na realización da web) e a sección de novas, onde podemos certificar que a páxina é actualizada con frecuencia media posto que a última entrada é de finais de abril.
Aproveitando o tema aberto de Yolanda Castaño recoméndolles á lectura dun seu artigo sobre nova poesía galega, que non deixa de ter referencias interesantes ademais de darnos a coñecer unha interesantísima publicación online: çopyright.

Outra das páxinas máis elaboradas coa que nos podemos atopar é a de Marilar Aleixandre, sen tantas pretensións como a de Yolanda mais con toda a información que poidamos precisar sobre a autora, dividida en seis seccións o máis interesante está, como non, no acceso directo aos seus textos tanto poéticos como prosísticos dos que se inclúen amplas mostras. Paga a pena visitar a sección de "libros" na que se inclúe un listado da obra completa da autora con interesantes ligazóns a algúns dos organismos/institucións/editoriais promotoras da súa publicación.

Na procura de outras páxinas personais de poetas atopámonos coa de Kiko Neves (sen actualizar desde hai anos!) e a de Eduardo Estévez, esta última parece seguir máis a idea dun pequeno portal sobre poesía que non ser unha páxina persoal mais está directamente xestionada polo autor e conta con seccións adicadas a el por completo, como é o caso dos apartados de recensións ou textos de presentación das súas obras (sobre todo de Derrotas) e, por suposto textos do autor . A novidade máis interesante da páxina ao respecto de outras é que inclúe como proxecto unha revista de traducións de poesía: Poesía lunática, lástima que o único número sexa de abril do 2004 e o proxecto non pareza ir continuar en breve porque parecía do máis interesante.
Para rematar a citada páxina de Kiko Neves, proxecto persoal máis que abandonado polo que parece xa que non é actualizada desde o 1999. Sobre esta páxina só un consello a calidade do "contentor" non debe influirnos para apreciar o contido, os poemas non teñen desperdicio, a lectura de "O clube dos onanistas rutinarios" non deixa de provocarme un certo sorriso e "Un poema de amor" é case un reflexo da vida mesma (espero que non da miña).

Por certo, sei que aínda quedan algunhas páxinas por comentar, prometo seguir incluíndo máis noutro post.

Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.