terça-feira, junho 14, 2005

Antoloxía de poesía galega

Navegando pola rede fun atopar unha páxina do máis completa para coñecer boa parte dos/as autores/as máis nov@s da última poesía galega. Está estruturada como se fose un libro físico así que a primeira parte é o prólogo, asinado por Teresa Seara. Comeza despois a nómina de autor@s: Baldo Ramos, Yolanda Castaño, Anxos Romeo, Emma Couceiro, Emma Pedreira, Estevo Creus, Estívaliz Espinosa, María do Cebreiro, María Lado, Marta Dacosta, Martín Veiga, Miro Villar, Modesto Fraga, Olga Novo, Rafa Villar e Rafael Lema... completiño non?. Toda a xente aí presente é nova mais hai variacións substanciais entre os seus estilos poéticos, debemos ter en conta que hai autor@s desde os 40 anos até os 25 e as experiencias vividas poden ser moi diferentes. Quizais non tod@s se sitúen dentro duns anos dentro das páxinas do "grande cánon literario galego" mais hoxe en día son escritor@s do máis coñecido e recoñecido.
O prólogo recoñece a diferenza evidente entre a poesía anterior a 1975 e a posterior, este é definido como "ano do cambio" e a partir de aí todo o que vén despois: premios poéticos, editoriais (Espiral Maior e Letras de Cal), o grupo do Batallón Literario da Costa da Morte e toda unha serie de características dest@s poetas, atendendo con especial interese á renovación lírica propiciada polas novas autoras, por certo onde aparece, tamén en versión on-line, outra interesante antoloxía de autoras galegas é na Festa da Palabra Silenciada e outra magnífica de moit@s máis autores destes anos publicada polo Consello da Cultura Galega.
Polo que respecta á antoloxía en si é do máis completo que podemos atopar pola rede e, mesmo das máis completas incluíndo as que están publicadas en formato papel. Aparecen moitos poemas de tod@s @s autor@s e unha breve biografía súa.
A cuestión é que sendo unha ferramenta útil para o coñecemento da nova poesía galega (que tampouco é tan sobradamente coñecida dentro do país) a páxina está en castelán, con traducións de todos os poemas (aínda que afortunadamente tiveron o bo criterio de incluíren os textos en galego) polo que resulta evidente que o leit@r tipo ao que está dirixida é o de fora de Galiza.

Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.