quarta-feira, junho 01, 2005

Letras de cal: un proxecto frustrado mais interesante

O comentario de hoxe vai referido sobre o proxecto editorial Letras de Cal, tristemente desaparecido na actualidade mais que deixou algúns froitos máis que interesantes. A editorial foi fundada por un conxunto de autores e autoras nov@s de poesía que pretendían sacar á luz as súas obras e algunhas traducións de obras recentes sen verse obrigad@s a cinguirse aos criterios editoriais, de publicación e de mercado das casas editoras máis coñecidas como eles/as explican no apartado que é letras de cal?. Eles/as mesm@s puxeron o investimento preciso para que o proxecto botase a andar, e nun primeiro momento a cousa prometía ir bastante ben, os títulos publicados chegaron a 12 e algún deles resultará fundamental para entender a poesía que se está a facer en Galiza desde os anos 90, refírome en concreto a antoloxía dEfecto 2000. As cuestións interesantes arredor desta obra son varias, en primeiro lugar o criterio co que se inclúen @s autor@s, que non resulta partidista ao recoller poetas que non forman parte directa da financiación e posta en marcha do proxecto editorial, en segundo lugar o grande número total que se recolle, resultando bastante máis significativa esta escolla que outras de tipo máis limitado, finalmente o derradeiro criterio (e quizais mirando máis pola nosa saúde monetaria que por outros aspectos) é o do prezo co que chegou ás librarías, eu lembro ter mercado a antoloxía por 6 euros e a día de hoxe segue a parecerme unha marabilla. Claro que quizais os prezos reducidos e o autofinanciamento tiveron moito a ver coa desaparición da editorial mais tamén debemos ser conscientes do pouco involucrad@s que estamos moitas veces con interesantes proxectos culturais deste tipo, quizais máis cando se trata de obras poéticas.
Convídoos a visitar á páxina que aínda se mantén, non está completa xa que moitas seccións (foro, novidades...) non existen mais ten "colgada" aínda a sección de obras publicadas onde veran as capas de obras de Olga Novo, Sechu Sende, Carlos Negro, Kiko Neves... e outros nomes que quizais non nos resulten tan coñecidos mais aos que cómpre botar un vistazo. Ademais esta sección permite acceder a unha escolma de textos de todas as obras que nela se recollen.
Como conclusión só dicir que é unha auténtica lástima que teñan que desaparecer proxectos deste tipo, promovidos por xente moza e coa inquietude suficiente para intentar dinamizar o universo cultural galego, o cal, non é pouco.

1 Comments:

At 7:03 da tarde, Blogger surfista said...

Que ben que lembres a iniciativa de letras...
Todo ese proxecto tivo unha grande relevancia no momento, tanto polo que supuña de "vidiña" no mundo literario galego como pola novidade coa que encheron algunhas obras ou o descobremento de nomes curiosos que aínda hoxe seguen a escribir...

E polo que dis do funcionamento do sistema... Lembro aínda como unha estudante os describía como "os libros eses de todo a cen", cousa que non parecería grave se non fose de doutoramento en filoloxía galega

 

Enviar um comentário

<< Home

Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.