quarta-feira, junho 08, 2005

Manuel Seixas

O protagonista do post de hoxe é, desde logo, un home ecléctico onde os haxa. Paga a pena deixarse arrastrar uns minutos pola súa páxina persoal que é, posibelmente, o reflexo directo dunha cabeza a mil por hora continuamente. O movemento inicial da páxina continúa nos textos que nela se inclúen, e alí hai un pouco de todo. Temos, por unha parte, noticias de "Madame Mir" un frustrado proxecto do autor e uns compañeir@s de creación dunha editora totalmente independente de libros e discos, varias seccións dedicadas á súa creación musical (rock), con producións do máis variopinto e á súa obra literaria, tanto poética como prosística (ten publicado libros de prosa: Viñeron do espacio interior, A velocidade do frío, premio Xerais de novela en 1996 e Bailarina e dous de poesía: Vestixio de verme en Edicións Positivas e Diario de ausencias na Editorial Tema de Lisboa) aparece recolida tamén en diferentes partes da web. A sección da "Creación semanal" aporta unha novidade, ademais de aparecer alí moitos dos seus textos hai unha especie de diario máis ou menos poético (xa verán que as fotografías do autor na súa casa vendo un partido de fútbol non o son moito) mais no que parece que segue a estrutura dun blog para ir transmitindo temas, preocupacións e alegrías da súa vida diaria; esta é a sección denominada Palabrasplus (reflexións, ensaio, relatos, en fin, bla bla palabrasplus) , outra das máis interesantes mais quizais un tanto descoidadas é unha sección de creación poética na que o autor publica os textos que os seus/as lector@s lle envían, é o "espacio de creación" que non se limita aos textos literarios senón que ofrece a opción de divulgar obras musicais, pictóricas, fotográficas, cómics e, mesmo, creacións dos seus/as alun@s das aulas de filosofía.
Todo un conxunto de variedade na creación e de esforzo imaxinativo por divulgala.

Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.