sexta-feira, junho 03, 2005

Varias páxinas sobre nova poesía galega

Seguindo coa investigación sobre o poeta ao que dedicamos o post anterior, Noel Blanco, atopamos algunha páxina na que se fan breves referencias sobre el e sobre moit@s d@s poetas máis activ@s dos últimos tempos: cuadrante norte. Non é unha páxina de grande calidade mais si ten fichas con pequenos datos de autor@s como:Lucía Aldao, Yolanda Castaño, o xa citado Noel Blanco, Israel Martínez Veiga, Alberte Momán, Emma Pedreira, David Souto, Xavier Vasquez Freire e Diego Villar. Pode que algún destes nomes non lles resulte demasiado familiar mais paga a pena visitar a páxina (a pesar das súas deficiencias técnicas) e ler os datos que del@s se recollen posto que en moitos casos son currículos do máis interesante e completo. Outros grandes acertos desta páxina son o de incluír o enderezo de contacto, vía correo electrónico, d@s poetas e, en caso de que dispoñan dela, o enderezo da súa web persoal; ademaís disto recóllense na maioría dos casos un texto para que tod@s poidamos ter coñecemento directo das súas obras e xulgar por nos mesm@s mais realmente o feito de só seleccionaren un poema fai que na maior parte dos casos non resulte moi significativo e non se faga completa xustiza coa calidade da obra d@ autor/a.
Como conclusión sobre esta páxina resaltamos que o seu principal foco de atracción reside no feito de recoller autor@s que non son do máis coñecido do circuito comercial, aínda que si o son dentro do circuito poético de premios, recitais..., ofrece, pois, unha boa posibilidade de promoción a tod@s estes autor@s, a maior dificultade radica no problema de acceder a ela se non se ten coñecemento previo xa que a súa difusión non é moi ampla.

A segunda páxina coa que nos atopamos é a de andar 21, autonomeada como "revista poética en rede". Segue a estrutura dun portal, de xeito que na portada atopámonos cunha serei de novas máis ou menos recentes relacionadas con todo tipo de accións culturais ou contraculturais, aparecen resaltados elementos como a inclusión de novos poemas (en galego, portugués... e o que cadre), a reseña dunha obra recentemente publicada, documentos sobre autor@s, traducións...etc. Non é, logo, un portal dedicado integramente á poesía en galego mais si ten un apartado especialmente reservado para ela.
Na banda esquerda atopamos as diferentes sección que integran o portal, en primeiro lugar unha ligazón con breves mencións sobre a súa creación e comezos do proxecto. A seguir a sección sobre poesía galega, con nada menos que 53 colaborador@s, entre os que se atopan moitos nomes que xa se nos fan coñecidos e que mesmo recordamos das visitas á xa comentada páxina da Biblioteca Virtual Galega, así, ademais de moitos dos nomes que atopamos nas outras páxinas temos agora a: Claudia Castro, Elvira Riveiro Tobío, Emilio Xosé Ínsua, Miguel Edreira, Nana Coromoto, Ramiro Vidal Alvarinho ou Xavier Cordal, entre outr@s moit@s. As páxinas dedicadas a cada un destes poetas están do máis coidado, conteñen ilustracións que acompañan aos textos (na súa maioría poemas mais tamén aparece algún conto) e que fan delas páxinas moi atractivas, desde logo a calificación é dun 10 total, é unha páxina pola que perderse buceando na nova poesía galega e nun proxecto máis que interesante. Seguen despois sección de poesía internacional con textos en portugués, inglés e español (mantidos nas súas linguas orixinais) non só de poesía senón que tamén recolle algúns documentos curiosos con reflexións sobre o desastre do Prestige, o estado actual da cultura...etc. A sección "biblioteca mundo" é calificada por eles como "Versos, cancións, aforismos e contos de todo tempo e lugar". En "documenta poética" recóllense poéticas de diferentes autor@s, grandes clásicos da literatura universal, alí estas as "dúas palabras d'autora" de Rosalía de Castro, a "Alquimia da palabra" de Rimbaud ou o discurso de Saramago na entrega do Nobel... e dúas seccións máis: a de poesía visual con experimentos que non deixan de resultar curiosos e a de +linguas que volve a recoller as colaboración en inglés e español. Para rematar as seccións habituais de colaboración, contacto, ligazóns... en definitiva unha marabilla de páxina aberta ademais a que tod@s poidamos enviar os nosos textos aínda que non ten a facilidade de publicación da Biblioteca Virtual Galega.

Licenza de Creative Commons
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-NonComercial-CompartirIgual 2.5 de Creative Commons.